Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Bos Aires, 1950) constitúe o foco desta mostra que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por el. A intención deste proxecto é divulgativa, amosando a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares en países dos cinco continentes.
INAUGURACIÓN: Venres, 8 de setembro ás 10:00 horas na Casa da Cultura de A Fonsagrada
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así e todo, pódense ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
(...) Castelao realiza comentarios gráficos descritivos da realidade e costumes galegos, pero pronto a súa obra adquire un ton de compromiso –ético,social,político– que nunca perderá, ata converterse nun dos principais ideólogos do pensamento nacionalista.Como figura central da cultura contemporánea galega e como auténtico impulsor dun proxecto nacional, propio e distintivo, non se é ecuánime perante Castelao, ao que con frecuencia se lle esixe máis que a ninguén, esperando que estea sempre na excelencia, na frescura, na sagacidade. (...) Fernández-Cid, Miguel, "Castelao grafista" en Castelao grafista, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando / Fundación MAPFRE / Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Madrid, 2017.
Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia – Xunta de Galicia, a exposición Castelao grafista (facsímil) é o proxecto máis ambicioso para dar a coñecer e difundir a obra e o pensamento de Castelao nos cinco continentes.
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). O acceso será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro, que irá destinado ao banco de alimentos de Lugo.